Non me gustan finais que acaban mal,
non me canso da vida nin un intre.
Non me gusta ningunha época do ano
se non vivo cantando alegremente.
Non me gusta o tan xélido cinismo,
non creo na fatuidade en absoluto,
non me gusta que lean as miñas cartas
axexando por encima do meu ombro.
Non me gusta que quede algo incompleto
nin que á forza me impoñan o silencio.
Non me gustan disparos polas costas
nin disparos á cara en traizón súbita.
Non me gusta a rexouba maliciosa,
o caruncho da dúbida, os honores,
ou cando alguén irrita a contrafío,
ou cando o ferro golpea no cristal.
Non me gusta a opulencia segura,
que me fallase o freo preferiría!
Lamento que se esquecese a honra
e que abunde a calumnia a costa allea.
Cando vexo quebradas unhas alas
non me apiado nin me poño triste.
Detesto a violencia e a impotencia,
mais lamento a crucifixión de Cristo.
Non me gusta cando viro en covarde,
non soporto a agresión aos inocentes,
non me gusta a intromisión na alma
e aínda menos que alguén poida cuspirlle.
Non me gusta a falsidade da escena,
onde un millón trocan por uns rublos.
Por grandes cambios que haxa no futuro,
nada disto xamais me gustará!
|